A cifra de emigrantes
internacionais tocou un novo máximo histórico este ano e estímase por
enriba dos 232 millóns de persoas, é dicir, que o 3,2 por cento da
poboación mundial se trasladou a vivir a un país distinto do que naceu,
conforme os datos difundidos este mércores pola Organización de Nacións
Unidas.
O informe, emitido de cara ao Diálogo de
Alto Nivel sobre a Migración Internacional e Desenvolvemento que
acollerá a ONU o 3 de outubro, destaca que na actualidade “hai máis
persoas que nunca vivindo no estranxeiro” e recorda que fronte aos 232
millóns de persoas que actualmente viven en países onde non naceron, no
ano 2000 se contaban 175 millóns e 154 millóns só unha década antes, no
ano 1999.
En paralelo, apunta un cambio de
tendencia, pola que os desprazamentos entre países do Sur empezan a
tomar as mesmas dimensións que os traslados de Sur a Norte. Así, en 2013
un total de 82,3 millóns de emigrantes nacidos en países en
desenvolvemento residían noutros países da mesma condición, mentres 81,9
millóns orixinarios destes vivían en Estados do chamado mundo
desenvolvido.
Non obstante, a cifra entre ambos os
dous lados do planeta aínda dista de equipararse, pois na actualidade os
países do Norte acollen 136 millóns de emigrantes internacionais fronte
aos 96 millóns instalados en países do Sur. En total, o 74 por cento
dos expatriados teñen entre 20 e 64 anos e un 48% son mulleres.
O informe revela que Europa, con 72
millóns en 2013, e Asia, con 71 millóns, acollen case dous terzos dos
emigrantes internacionais de todo o mundo. De feito, Asia foi o destino
no que máis creceu a poboación emigrante dende o ano 2000, cun aumento
de 20 millóns de persoas.
O director de Poboación no Departamento
de Asuntos Sociais e Económicos da ONU, John Wilmoth, atribúe este feito
ao incremento da demanda de man de obra estranxeira para a extracción
de petróleo nos países tanto do oeste coma do sueste asiático, países
con economías que rexistraron un rápido crecemento nos últimos anos,
como Malaisia, Singapore e Thailandia.
A METADE DOS EMIGRANTES VIVE EN DEZ PAÍSES
Non obstante, América do Norte segue
sendo un dos lugares con máis poboación emigrada e a segunda que máis
creceu na última década en termos absolutos, cun incremento próximo aos
23 millóns de persoas. Ségueno Emiratos Árabes, cun aumento de sete
millóns de emigrantes internacionais no seu territorio dende o ano 2000 e
España, que creceu en seis millóns no mesmo período, segundo os datos
da ONU.
Con todo, o informe sinala que a
migración internacional segue estando altamente concentrada nun puñado
de destinos, xa que en 2013, a metade do total de expatriados do mundo
vivía en dez países. A lista encabézaa Estados Unidos, con 45,8 millóns;
seguido de Rusia, con 11 millóns; Alemaña, onde residen 9,8 millóns de
emigrantes; Arabia Saudí, destino de 9,1 millóns; e os Emiratos Árabes e
o Reino Unido, que contan 7,8 millóns cada un.
No sexto posto aparece Francia, cunha
poboación de 7,4 millóns de inmigrantes internacionais no seu
territorio; e por detrás están Canadá, que ten 7,3 millóns; Australia,
con 6,5 millóns de emigrantes e España, que ocupa o décimo posto e onde
segundo os datos da ONU viven outros 6,5 millóns de estranxeiros.
En canto ao perfil dos expatriados, o
informe de Nacións Unidas indica que o 74 por cento do total están entre
os 20 e os 64 anos de idade e que o 48 por cento son mulleres. Os
grupos máis grandes na diáspora mundial son de asiáticos –19 millóns só
vivindo en Europa, 16 millóns en América do Norte e 3 millóns en
Oceanía– e de latinoamericanos, con 26 millóns só en América do Norte.
Fonte cadernos.net
No hay comentarios:
Publicar un comentario